Galego
Español
HELIOS

Que é Helios

O Programa Helios é un programa de difusión das actividades asociativas no ámbito da saúde mental dirixido tanto aos profesionais coma a pacientes e a familias que non tivesen coñecemento aínda das distintas entidades que traballan na rehabilitación psicosocial das persoas con trastornos mentais severos.
Ten pois, como obxectivo principal o de trasladar información precisa e actualizada dos recursos públicos e privados existentes a pacientes e a outros potenciais beneficiarios na área de saúde mental.

A necesidade que pretende cubrir este programa

Obsérvase nas asociacións, que unha alta porcentaxe de usuarios e as súas familias chegan á primeira entrevista meses despois de recibir un diagnóstico ou a alta nun primeiro internamento clínico. Estes primeiros meses dende que se coñece a enfermidade resultan vitais e deles depende moitas veces a actitude coa que a persoa enferma vai aceptar o tratamento e os programas de rehabilitación psicosocial.
As familias, con frecuencia, non saben onde dirixirse e soportan ante a falta de información unha grande incerteza durante este período, que repercute ineludiblemente no paciente que ve atrasada a súa rehabilitación. Noutras ocasións a información que conseguen resulta nesgada por intereses alleos ao beneficiario e non responde ás expectativas reclamadas o cal alonga aínda máis o tempo efectivo de recuperación.
O programa Helios é un programa informativo que pretende acurtar estes prazos.
Actualmente en moitas entidades e particularmente nas ONL disponse dun importante caudal humano cun potencial infrautilizado. Referímonos con isto a voluntarios cunha importante cualificación profesional, (psicólogos, traballadores sociais, educadores, enfermeiros, pedagogos, avogados...) e con recursos que, moitas veces, non chegan a aproveitarse completamente nas asociacións coas que colaboran.
Neste programa, os voluntarios cualificados serían as ferramentas para construír canles de comunicación directa entre todas as institucións, recibindo, distribuíndo e actualizando información ao tempo que crean unha rede de correspondencia entre Hospitais, Centros de Saúde e as diversas asociacións que traballan en Saúde mental.

Que obxectivos pretende Helios

  • Conseguir unha información veraz e actual de todos os recursos presentes na rehabilitación e que resulte útil para os profesionais.
  • Protocolarizar a coordinación e a comunicación entre as distintas entidades.
  • Mellorar a atención aos beneficiarios (pacientes e familias) que reciben unha información directa.
  • Unificar as canles de comunicación e os seus contidos.
  • Aproveitar recursos (materiais e humanos) dispoñibles e infrautilizados.
  • Abrir un camiño para a cooperación activa da sociedade civil en labores de Reintegración.